Galicia Quantum Technologies Hub

Salto Cuántico & O ollo e a máquina

CESGA e CGAC colaboran para achegar arte e tecnoloxías cuánticas a través dun programa de actividades.
A primeira destas actividades é un ciclo de cinema, “O ollo e a máquina”, un percorrido narrativo, histórico, estético e científico pola sociedade occidental no século XX a través do concepto de computación e da súa representación audiovisual.

O CGAC e o CESGA colaboran nun proxecto que se desenvolverá en diversas fases ao longo de 2024, cun programa de actividades no que os ámbitos artístico e científico se superpoñen e se entrelazan. O programa, promovido desde o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), inclúe, entre outras actividades, a exposición dunha peza escultórica de autoría coral e inspiración cuántica, encargada polo CESGA ao artista Diego Vites, Salto Cuántico e un ciclo de cinema dirixido por Sofía Naseiro, de KinocubeCinema. Completan a oferta unha serie de actos que terán lugar o 14 de abril co gallo da celebración do Día Mundial da Cuántica.

Día mundial da cuántica

14 de abril | 11:00-14:00 h

A celebración do Día Mundial da Cuántica ten como obxectivo promover a comprensión mundial da ciencia e a tecnoloxía cuánticas en todo o mundo. A data elixida é unha referencia ao número 4,14, os primeiros díxitos arredondados da constante de Planck: 4,135667696×10−15 eV.s = 0,000 000 000 000 004 135667696 electrovoltios por segundo, un produto de enerxía e tempo que é a constante fundamental que goberna a física cuántica.

Programa

11:00 h

Presentación da peza Salto cuántico (2023), concibida polo artista Diego Vites en colaboración co colectivo Nova Escultura Galega (NEG; Jorge Varela, Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Diego Vites) e Violeta. Participan os e as artistas, o director do CESGA, Lois Orosa Nogueira, e o director do CGAC, Santiago Olmo.

Salto cuántico é unha escultura interactiva que consta de tres módulos móbiles e intercambiables. A obra, que permanecerá exposta no CGAC desde abril de 2024 até febreiro de 2025, adopta a estrutura das primeiras computadoras dos anos corenta, tótems contemporáneos sobre rodas que permiten unha actualización constante, e funciona como unha escultura aberta no espazo cuántico.

12:00 h

Computación cuántica: que é?, para que serve?, onde estamos?, conferencia de Eduardo Sáenz de Cabezón

EDUARDO SÁENZ DE CABEZÓN (Logroño, 1972) é licenciado en Teoloxía (1996) e Matemáticas (2001), e doutor en Matemáticas (2008). Na actualidade, desempeña o seu labor docente como profesor titular do Departamento de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioxa.

Coñecido ademais pola súa faceta de divulgador científico, é autor dos libros Inteligencia matemática (Plataforma Editorial, 2016), El árbol de Emmy (Plataforma Editorial, 2019), Apocalipsis matemático (Penguin Random House, 2020) e Invitación al aprendizaje (Penguin Random House, 2023).

Desde 2019 presenta en La 2 de RTVE o programa Órbita Laika. Ademais é autor e presentador dos podcast Órbita Laika (RTVE Play) e Materia absurda (Sonora), e guionista e presentador da canle de YouTube Derivando, dedicada ás matemáticas.

Foi o gañador do concurso de monólogos científicos FameLab en 2013 e representou a España na final internacional no Cheltenham Science Festival (Reino Unido). En 2019 recibiu o Premio Especial do xurado á Divulgación Científica Ciencia en Acción.

O ollo e a máquina – Ciclo de cinema

Os nosos obxectivos son salientar a importancia do cinema como construtor de ficcións arredor da ciencia e do progreso tecnolóxico; e polo tanto a súa capacidade para recoller, construír e reflectir a imaxe -máis ou menos deformada- do contexto histórico e social no que se desenvolve; explicar as interseccións entre a ciencia, a tecnoloxía e o cinema, con especial atención na física e na computación, dende a invención do cinematógrafo até a actualidade; establecer paralelismos entre diferentes épocas cinematográficas a través do corpus fílmico exposto e mais da súa percepción por parte da audiencia da época, da súa influencia estética e no pensamento e abrir o debate entorno á ciencia ficción e o seu diálogo coa realidade científica e social. Dividimos esta liña histórica en cinco eras, para maior practicidade, segundo o estado da tecnoloxía e a arte e de maneira cronolóxica: a Era da máquina, a Era atómica, a Era espacial, a Era da información e a Era cuántica.

Todas as proxeccións irán precedidas dunha breve presentación e, ao remate, terá lugar un coloquio, conducido por Sofía Naseiro, que versará sobre a peza visualizada e axudará a poñela en contexto. Cada proxección virá acompañada dun artigo publicado en kinocubecinema.com que expanda e complemente a información exposta no ciclo.

Programa

5 de abril. Metropolis (Fritz Lang, 1927). VOSE

11 abril. Forbidden Planet (Fred M. Wilcox, 1956). VOSE

12 abril. 2001: A Space Odyssey (Stanley Kubrick, 1968). VOSE

18 abril. Tron (Steven Lisberger, 1982). VOSE

19 abril. ¡Salta! (Olga Osorio, 2023). VOE

Entrada libre e de balde a todas as actividades ata completar a capacidade da sala.

Para máis información, visita a páxina web do CGAC e do CESGA.

Scroll to Top