O CGAC e o CESGA colaboran nun proxecto co obxectivo de profundar no vínculo entre arte e ciencia.
O programa de actividades, promovido desde o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), coa colaboración do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), inclúe, entre outras actividades, a exposición dunha peza escultórica de autoría coral e inspiración cuántica, encargada polo CESGA ao artista Diego Vites, e un ciclo de cinema dirixido por Sofía Naseiro, de KinocubeCinema. Completan a oferta unha serie de actos que terán lugar o 14 de abril co gallo da celebración do Día Mundial da Cuántica.
DÍA MUNDIAL DA CUÁNTICA
14 de abril | 11:00-14:00 h
A celebración do Día Mundial da Cuántica ten como obxectivo promover a comprensión mundial da ciencia e a tecnoloxía cuánticas en todo o mundo. A data elixida é unha referencia ao número 4,14, os primeiros díxitos arredondados da constante de Planck: 4,135667696×10−15 eV.s = 0,000 000 000 000 004 135667696 electrovoltios por segundo, un produto de enerxía e tempo que é a constante fundamental que goberna a física cuántica.
Programa
11:00 h
Presentación da peza Salto cuántico (2023), concibida polo artista Diego Vites en colaboración co colectivo Nova Escultura Galega (NEG; Jorge Varela, Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Diego Vites) e Violeta. Participan os e as artistas, o director do CESGA, Lois Orosa Nogueira, Carlos Salgado, director do IGFAE, Javier Mas, coordinador TalentQ de Quantum Spain e o director do CGAC, Santiago Olmo.
Salto cuántico é unha escultura interactiva que consta de tres módulos móbiles e intercambiables. A obra, que permanecerá exposta no CGAC desde abril de 2024 até febreiro de 2025, adopta a estrutura das primeiras computadoras dos anos corenta, tótems contemporáneos sobre rodas que permiten unha actualización constante, e funciona como unha escultura aberta no espazo cuántico.
12:00 h
Computación cuántica: que é?, para que serve?, onde estamos?, conferencia de Eduardo Sáenz de Cabezón
EDUARDO SÁENZ DE CABEZÓN (Logroño, 1972) é licenciado en Teoloxía (1996) e Matemáticas (2001), e doutor en Matemáticas (2008). Na actualidade, desempeña o seu labor docente como profesor titular do Departamento de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioxa.
Coñecido ademais pola súa faceta de divulgador científico, é autor dos libros Inteligencia matemática (Plataforma Editorial, 2016), El árbol de Emmy (Plataforma Editorial, 2019), Apocalipsis matemático (Penguin Random House, 2020) e Invitación al aprendizaje (Penguin Random House, 2023).
Desde 2019 presenta en La 2 de RTVE o programa Órbita Laika. Ademais é autor e presentador dos podcast Órbita Laika (RTVE Play) e Materia absurda (Sonora), e guionista e presentador da canle de YouTube Derivando, dedicada ás matemáticas.
Foi o gañador do concurso de monólogos científicos FameLab en 2013 e representou a España na final internacional no Cheltenham Science Festival (Reino Unido). En 2019 recibiu o Premio Especial do xurado á Divulgación Científica Ciencia en Acción.
Entrada libre e de balde a todas as actividades ata completar a capacidade da sala.
Para máis información https://cgac.xunta.gal/gl